Exerceron como docentes tres xuristas de recoñecido prestixio -Carlos Lema, Amanda Cohen e Christian Herrera-, que afondaron nos criterios que acostuman aplicar para determinar se a aparición da imaxe da muller na publicidade é lícita ou non, así como nos diferentes mecanismos que a sociedade ten á súa disposición para reclamar ante unha publicidade ilícita por atentar contra a dignidade da muller e como debe facerse para fundamentar a reclamación.
A inauguración da xornada contou coa participación da decana do centro, Almudena Bergareche, e os profesores Pablo Fernández Carballo-Calero e Francisco Torres, coordinadores da xornada. Xunto a eles asistiron os tres poñentes convidados: o catedrático de Dereito Mercantil da Universidad Complutense, Carlos Lema Devesa, que centrou a súa intervención nas resolucións do xurado de autocontrol; a maxistrada especialista en mercantil e asesora da Dirección General de Cooperación Jurídica Internacional do Ministerio de Justicia, Amanda Cohen, que analizou o tratamento da publicidade sexista na xurisprudencia, e o avogado e profesor da Universitat Pompeu Fabra, Christian Herrera, que analizou os diferentes mecanismos de reclamación (demanda ante tribunais, reclamación ante o xurado de autocontrol, etc.) e explicou como debe fundamentarse dita petición.
“Polo momento houbo moi poucas resolucións que se pronunciaron sobre o artigo 3.A da Ley General de Publicidad”, recalcou Amanda Cohen, quen explicou que se ben esta lei entrou en vigor en 1988, o artigo 3, que é o que define que condutas poden ser consideradas como publicidade ilícita sufriu xa varias modificacións.
En concreto o artigo 3.A, que é aquel no que se cualifica como publicidade ilegal aquela na que se atente contra a dignidade da persoa e no que se contempla expresamente o suposto de trato discriminatorio da muller, sufriu xa dúas modificacións, unha pola lei orgánica 1/2004 de 28 de decembro de medidas para a protección integral en materia de violencia de xénero e outra pola lei de 30 de decembro de 2009 que buscaba arranxar os problemas de coordinación entre a lei de publicidade e a Ley de competencia desleal.
“Desde a aprobación da lei xeral no 1988 e, a pesares destas dúas reformas, a aplicación ten sido mínima, xa que ademais apenas chegan demandas aos xulgados, algo que probablemente se debe o labor que realiza nesta materia o xurado de autocontrol”, explicou a maxistrada.
A primeira sentenza que se ditou sobre o artigo 3.A na súa redacción vixente foi a que ela mesma ditou no xulgado número 2 do mercantil de Málaga en 2013, confirmada despois pola audiencia provincial, no famoso caso da compañía aérea Ryanair das azafatas en bikini co slogan ‘Tarifas al rojo vivo ¡Y la tripulación!’, “de maneira que parecía que dentro do prezo tamén estaba comprendida a tripulación que, por suposto, era feminina, a pesares de que a compañía ten tanto mulleres coma homes desempeñando este cargo”, recalca a maxistrada, quen explica que esta publicidade foi declarada ‘ilícita e desleal’.Este foi o primeiro exemplo, pero non o único, Cohen referiuse tamén, entre outros, ao caso de Cementos La Unión, no que a Audiencia Provincial de Valencia estimou o recurso interposto pola Fiscalía e a Generalitat Valenciana contra a sentenza do xulgado mercantil que desestimaba a demanda que no seu día interpuxera o Instituto de la Mujer contra esta empresa por publicidade sexista e, en consecuencia, ordenou á empresa a eliminación das figuras femininas dos sacos de cemento e das imaxes reproducidas na súa web.
No caso de Carlos Lema, a súa intervención estivo tamén repleta de exemplos, tanto actuais como dos primeiros casos resoltos polo xurado de autocontrol a finais da década de 1990, entre eles un da marca Prenatal no que se empregaba a imaxe dun bebé diante do peito dunha muller e, outros, tanto de bebidas alcohólicas como dunha coñecida marca de reloxos masculinos.