Acompañada por representantes do Consello da Muller, a edil proseguiu avanzando que día 8, día da folga feminista, a manifestación de Vigo sairá ás 20.00 horas desde a Praza de Portugal. O xoves día 9 entregarase o VI Premio de Igualdade Ernestina Otero no transcurso dunha cea, mentres que o venres 9 será a quenda dos Contacontos de Igualdade para cativos na Praza 8 de Marzo.
O programa segue o sábado 10 coa actuación musical de Wöyza no Salón de actos do MARCO (20.30 horas) e continúa o domingo coa carreira ‘Vigo móvese pola igualdade’, con saída na Porta do Sol ás 11.30 horas. Seguirase con lecturas o luns 12, cun Recital Aberto de Poesía de Xénero, ás 19.00 horas na Casa Galega da Cultura.
O cinema volverá o martes 13 coa proxección de tres curtas na Casa Galega da Cultura, ás 19.00 horas e no mesmo sitio e á mesma hora, o xoves 15 poderase ver o filme ‘Doli, Doli, Doli… coas conserveiras’, de Uqui Permui.
O sábado 24 está prevista unha visita guiada ao Roteiro Feminino Sons de Mulleres, dirixida por María Casal e a programación pechará o martes 27, coa proxección de ‘Persépolis’, de Marjane Satrapi e Vicent Paronnaud, no Auditorio Municipal, ás 20.00 horas.
A concelleira de Igualdade estivo acompañada na rolda de prensa por Ángeles Arias, vicepresidenta do Consello da Muller e representante de UXT; Luisa Ocampo, presidenta de Mulleres Nacionalistas; Yolanda Díaz, representante de CCOO; Charo Otero, presidenta da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos tratos e Carmen Rodal, presidenta de Viúvas Demócratas.