O rexedor dirixiu unha carta a Costas, á Consellería de Medio Ambiente e á Subdelegación do Goberno en Pontevedra reclamando una actuación rápida, dado o acelerado deterioro da liña da costa no esteiro do Miño.
A erosión das mareas e outros fenómenos influentes no nivel do río “veñen producindo unha perda notable de terreo e zona dunar dende hai anos”, indica Lomba, que cuantifica o retroceso do terreo na praia da Lamiña en preto dous metros nos últimos días, co consecuente derrube de numerosas árbores no proceso.
Neste punto existe, ademais, o risco de que a auga rompa o cordón dunar e acade a coñecida como “cova do Forte”, unha zona onde o nivel do terreo é máis baixo ca o do río, provocando o seu asolagamento e a consecuente perda da barreira de dunas e de zona boscosa do Feno.
As consecuencias da acción das correntes fluviais e a acción do mar durante os últimos días tamén se poden comprobar na zona do Codesal, onde un tramo de escolleira reparado por Costas en 2016 resultou derruído.
Esta obra de contención foi realizada seguindo os criterios ditados por Medio Ambiente, facendo uso de sacos de area e sementes para que a vexetación -que nunca chegou a xerminar- protexera a costa. “Esta solución, que pode funcionar nas canles dos ríos, ten demostrado non ser útil no esteiro do Miño”, considera o alcalde.
Encontro con Costas
A xefa do Servizo Provincial de Costas, Cristina Paz-Curbera, visitou o pasado 27 de febreiro a praia da Lamiña, a fin de comprobar o deterioro do areal. Nesta ocasión, Paz-Curbera comprometeuse a solicitar un informe técnico ao Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX) de forma inmediata, así como unha proposta de actuación no areal.
Na situación actual, o Concello da Guarda esixe a tramitación de emerxencia das obras de reparación e contención nas zonas da Lamiña e o Codesal, co obxectivo de evitar consecuencias maiores sobre o terreo e o aumento dos custes económicos que estes danos poidan ocasionar.