Camiño a Camiño ten como obxectivo a sensibilización medioambiental e o fomento de hábitos saudables entre a cidadanía viguesa. Nesta edición céntrase a atención en primeiro lugar na Senda Panorámica de Vigo, que atravesa os montes do concello. Posteriormente abordaranse rutas polos enclaves con monumentos naturais máis destacados da parte meridional de Galicia, así como as clásica visitas ás Illas Cíes e ás serras de Galicia, nesta ocasión o Courel e Ancares.
Como novidades nesta edición, os sábados do mes de abril realizaranse paseos polos montes de Vigo, en colaboración coa Mancomunidade de Montes de Vigo, e nos meses de maio e xuño terá lugan sendas acampadas familiares en Illas Cíes e en Vigozoo.
Proseguirase coa actividade das hortas-escola, tanto no primeiro nivel, de iniciación, como no segundo nivel, de profundización. Tamén se incide nas accións formativas de hortas e de contido medioambiental, así como nunha programación de charlas divulgativas en Vigozoo e unha programación específica de coñecemento do ceo.
As inscricións para todas estas actividades pódense facer no 010 (986 810 260 desde teléfono móbil) durante a semana previa a cada unha delas, agás as rutas en Galicia que se realizarán con dúas semanas de antelación.