A reivindicación reclama que se manteña o poder adquisitivo das pensións e clama polo dereito a que as prestacións mínimas sexan iguais ao Salario Mínimo Interprofesional.
O colectivo, ademais, chama a non deixarse enganar polas “mentiras disfrazadas de rigorosas análises feitas por supostos expertos” que poñen en cuestión a viabilidade do sistema público de pensións nun futuro próximo.
Advirten de que o que se pretende, unha vez máis, é xustificar o desmantelamento do sistema público e universal das pensións e favorecer os plans privados dos que se enriquecen as grandes empresas e bancos que as xestionan.
Lembran que nos últimos anos, coas sucesivas reformas aprobadas tanto polo PSOE como polo PP, “pasamos por que en varios exercicios non se revisara o importe nominal das pensións, ou que se fixera por baixo da inflación, ata que en 2013 o PP eliminou a lei que establecía o IPC para o cálculo do incremento das pensións, promovendo un duro recorte que nalgúns casos pode reducir ata nun 20% as futuras pensións, a conta das mentiras sobre o aumento da esperanza de vida”.