A presidenta anunciou que os grupos do Goberno da Deputación presentarán “en febreiro unha moción conxunta esixindo que se retire o anteproxecto de lei da Xunta de Galicia que modifica a Lei de saúde pública” porque, así o asegurou Carmela Silva, “pretende privatizar a sanidade, vai contra a transparencia, a información e a capacidade de participación, e porque o Partido Popular está recortando recursos, persoal e calidade na prestación da sanidade pública”, o que significa, afirmou Carmela Silva, “dinamitar a base do sistema público de sanidade”.
Silva asegurou que “imos formular a Marea que presente connosco a moción, non así ao Partido Popular porque, evidentemente, seguirá as directrices de Feijóo e non vai defender os intereses da cidadanía pontevedresa”.
Ademais, a Presidenta tamén anunciou que “imos colgar xa a pancarta que nos solicita a Plataforma en defensa da sanidade pública esixindo a retirada do proxecto de lei” e afirmou que “imos participar nas concentracións do Salnés, Pontevedra e Vigo e tamén, e estarei eu persoalmente, na manifestación de Santiago de Compostela do día 4 de febreiro”.
Carmela Silva instou a toda a sociedade a que “digamos ‘basta xa’ de desmantelar a sanidade pública, estámonos xogando o máis valioso que temos e que nos custou moito tempo construír”. A Presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que “unha marea humana ten que estar en Santiago dicíndolle a Feijóo que non llo imos consentir porque na sanidade non pode haber negocio, o único que importan son as persoas”.
Juan Loureiro, voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública, valorou o encontro que mantivo coa Presidenta Carmela Silva asegurando que “atopamos todo tipo de colaboración e apoio da Deputación de Pontevedra”, e denunciou que “este anteproxecto de lei é un intento de privatización encuberta do Partido Popular, moi pouco a pouco pero cunha ruta moi ideada”. Así, asegurou que “queren rematar co servizo de atención primaria e consolidar a Axencia de Coñecemento da Investigación da Saúde Pública, na que participan empresas privadas”. Ademais, o voceiro da Plataforma denunciou que “o PP fixo público o anteproxecto o día 2 de agosto e aprobouno en Consello da Xunta o 7 de decembro, en agosto e na ponte da Constitución, o que significa transparencia cero e negociación cero”.
Carmela Silva lembrou que desde a chegada de Feijóo á Xunta de Galicia “recortouse un 18% o orzamento sanitario malia haber máis persoas de avanzada idade que precisan maior atención” e que se suprimiron “970 camas, 513 prazas de persoal médico e outras 1.121 prazas de persoal non sanitario”, o que supón “unha prestación máis deficiente porque, con menos recursos, a prestación do servizo público así o é, con todo o que iso significa”.
A iso haberíalle que sumar, asegurou a presidenta, que “estase vapuleando a atención primaria con mentiras porque, cando se fala de reorganizar e reorientar para aforrar prestando un servizo de calidade, o que realmente se está a dicir é que se quere boicotear para masificar os hospitais e trasladarlle á sociedade a imaxe de que a única resposta é apoiar a sanidade privada, que é o que está detrás de todas as accións que desenvolve a Xunta na sanidade pública”.
Silva asegurou que “o Partido Popular está poñendo unha bomba para explosionar a sanidade pública e dar unha imaxe social de que non funciona e que, malia non querer, a situación os obriga a apoiar a sanidade privada”. Por iso, afirmou a Presidenta, “a xente ten que estar alerta porque custou moito chegar a ter unha sanidade pública referencia en Europa”.
No que se corresponde coa provincia de Pontevedra, onde “a dinamitación da sanidade pública é especial e moi específica”, Carmela Silva denunciou que “Vigo é o único lugar onde hai un hospital privado construído por Feijóo” e asegurou que “o proceso de privatización parouse en Galicia porque en Vigo saíron 250.000 persoas á rúa a protestar e Feijóo non puido seguir adiante con ese proxecto”.
Ademais, denunciou tamén que “a provincia de Pontevedra é o territorio onde máis se atacou ás unidades de referencia, onde se paralizaron desde o primeiro día moitos Centros de Saúde previstos polo bipartito, malia a estaren estudados en base ás carencias, demandas e necesidades da nosa provincia”, ou “o maltrato á área do Salnés, recortando os dereitos e servizos dun dos lugares con máis poboación e poderío económico”.
Por iso, Carmela Silva instou á Xunta a “retirar o proxecto de lei xa que é un ataque total e absoluto á sanidade pública que non foi consensuado cos grupos políticos, cando hai dúas cuestións, sanidade e educación, que son de Estado e non se poden modificar pola ideoloxía”.
A presidenta lembrou que “neste século non se pode consentir que un goberno presente un proxecto de lei sen contar nin cos grupos políticos, nin cos e coas pacientes nin cos concellos, ese é un modo de gobernar máis ben do século XVIII”. Por iso “pedímoslle a Feijóo que retire ese proxecto de lei xa, e que consensúe. É tremendo que todo o día falen de transparencia, participación… e que nesa lei se faga todo o contrario, restrinxíndoo”, afirmou Silva.
A dirixente puxo en valor “o traballo de máis de 20 anos desta plataforma en defensa dun dereito fundamental: o dereito á sanidade de calidade e pública” xa que, valorou, “é a única forma de que toda a cidadanía teñamos os mesmos dereitos sanitarios sen importar os nosos recursos económicos”. Así, “temos que apoiar a plataforma sen fisuras e agradecer o seu traballo continuado, non podemos deixar soas a estas persoas”, asegurou.