Durante a protesta, que tivo lugar entre as 14:30 e as 15:30 horas e na participou o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, os empregados da compañía encargada do mantemento do centro sanitario rodearon o complexo portando faixas e berrando consignas como “Veolia, escoita, mantemento está en loita”, “Non á discriminación” ou “Convenio solución”.
Dende o comité, explican que entre os 60 traballadores do servizo de mantemento que foi centralizado no hospital vigués hai persoal con diferentes convenios: subrogado do Meixoeiro, de electromedicina, novas contratacións e persoal procedente do Sergas a través da empresa concesionaria do hospital “ao que se lle ten que aplicar un acordo de integración pero ao que non se lle respectan as condicións publicadas no Diario Oficial de Galicia”.
Deste xeito, segundo denuncia a CIG, hai empregados que que fan máis horas que o resto e perciben menos salario, outros aos que se lles deben cartos, “por non falar de que o persoal cualificado que se encarga do mantemento dos aparatos de electromedicina conta cun soldo de 1000 euros mensuais”.
Por iso, reclaman un convenio colectivo específico para este centro de traballo que iguale as condicións salariais e laborais, polo que as protestas continuarán este xoves e os días 1, 4 e 5 de decembro, tamén de 14:30 a 15:30 horas.