O primeiro deles establece que o Goberno galego financie con 250.000 euros os estudos previos necesarios para a recuperación deste edificio (proxecto sectorial, estudo xeotécnico, análise estrutural, levantamento de planimetría e redacción dos proxectos básico e de execución), mentres que a Universidade se encargará de contratalos.
O segundo acordo destinará tres millóns de euros a sufragar o equipamento do Faraday, de acordo coas liñas mestras marcadas no proxecto técnico que se contratará en virtude do primeiro convenio. A isto sumaranse outros dous millóns, procedentes de fondos europeos, para levar a cabo distintos proxectos na ETEA.
O presidente da Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que en datas próximas se asinará o convenio coa Zona Franca de Vigo, que dispón do visto e prace tanto do pleno deste organismo como do Consello da Xunta. Éste desbloqueará a situación de dúas das parcelas da ETEA, a 3A e a 3B. Ambas volverán ser propiedade da Zona Franca, mentres que a Xunta aprobará os proxectos sectoriais necesarios, urbanizará as parcelas e se encargará de que dispoñan dos servizos necesarios.
Do mesmo xeito, o presidente confirmou que Vigo está xa “na recta final para conseguir que se instale na ETEA tamén o Centro Superior de Investigacións Científicas” ubicado actualmente en Bouzas. Así, consolidaríase a transformación da zona nun campus ao estilo das universidades de referencia a escala mundial, onde se mesture as actividades universitarias e recreativas.
“O obxectivo é que nesta lexislatura poidamos entregar á Universidade as instalacións que os profesores, os investigadores, o barrio de Teis e a cidade de Vigo merecen”, informou Feijóo.
Visita de Caballero
O mesmo día que a Xunta de Galicia organizaba este acto, o Concello de Vigo programou unha visita á ETEA para falar do proxecto do novo pavillón deportivo. O alcalde da cidade, Abel Caballero, explicou que está preto de concluír a obra ao cubrirse a piscina e habilitar así un novo espazo para outros deportes, cun investimento de 423.000 euros.
O rexedor explicou que actualmente hai ampla oferta de piscinas en Vigo co que «paga a pena» dedicar este espazo a outras disciplinas deportivas. Con todo, engadiu que o sistema de cubrición permitirá, se é preciso, empregar no futuro a piscina, que está lista para ser usada.