“O verán chegounos adiantado e a ocupación en Baiona xa está a un gran nivel, polo que queremos manter a seguridade e fomentar a convivencia cidadá”, apunta o alcalde, Ángel Rodal.
Dende esta fin de semana e durante catro meses traballarán en Baiona nove auxiliares da Policía Local. Tamén entran en servizo as patrullas de praia que percorrerán toda a zona costeira e o carril bici. Ademais, tamén colaborarán na vixilancia de tráfico, o mantemento de orde pública, os conflitos veciñais, a resolución dunha infinidade de asuntos para os que son requiridos e os areais do municipio. Esta nova unidade traballará en parellas en horario de mañá e tarde por todo o paseo litoral de Baiona que atravesa as seis praias do municipio.
“O obxectivo que se persegue é concienciar aos cidadáns e visitantes do importante que é velar polo coidado do medio ambiente. Para iso realizarán labores de control de verteduras, que se respecten os espazos de especial protección ambiental, o cumprimento da normativa municipal en canto á ordenanza de convivencia cidadá, vixilancia dos espazos do estacionamento, así como prestar apoio ao servizo de vixilancia en praias”, explica o rexedor.
Precisamente este verán o persoal da Policía Local de Baiona reforzouse con nove auxiliares, dous axentes máis dos que se adoitaba contratar, para poñer en marcha este servizo. O equipo policial tamén incorporará de xeito inmediato a dous novos axentes que actualmente está completando o seu período de formación na academia. Actualmente o persoal da Policía Local estaba composto por un Inspector-Xefe, un Oficial e trece axentes, ademais dos auxiliares de policía que prestan servizos durante a tempada estival. As prazas foro cubertas polo sistema de acceso en quenda libre e mediante o sistema de oposición.