Abel Caballero reiterou este xoves a continuidade da candidatura viguesa que «vai chegar a bo porto» e manifestou que non manterá unha xuntanza coa Xunta de Galicia «ata que retiren a candidatura, que foi nociva para as Cíes».
Así, lamentou non ter aínda coñecemento da candidatura das Illas Atlánticas lanzada pola Xunta de Galicia e tamén a reunión do Conselleiro con colectivos para tratala, sendo esta unha proposta «clandestina, que non reúne os requisitos e contra a vontade desta cidade que foi ignorada e non participou» no proceso, despois de catro anos de traballo na campaña de promoción propia das Illas Cíes.
O rexedor anunciou que todas as accións das festas de Vigo, tanto para os máis pequenos como para os maiores, van facerse baixo a lenda «Cíes, obxectivo Patrimonio da Humanidade», un «sentimento unánime da cidade que compartiremos e celebraremos centos de miles de vigueses e continuaremos cunha candidatura gañadora» para que sexan declaradas Patrimonio Natural da Humanidade.