O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, será o encargado de prologar a nova guía en edición en lingua inglesa do Camiño pola Costa. Así solicitouno formalmente o escritor escocés de referencia para os peregrinos das rutas Xacobeas procedentes da Gran Bretaña.
A xuntanza co rexedor baionés tivo lugar na Casa do Concello e tamén estiveron presentes a concelleira de Turismo, Beatriz González, e o seu compatriota Mark Auchincloss, residente en Baiona dende hai anos. O editor avanzoulles aos representantes municipais a publicación dunha nova guía en lingua inglesa.
“Baiona fixo unha labor moi importante para mellorar e promover o Camiño pola Costa e estou seguro de que nos vindeiros anos haberá un incremento de peregrinos moi significativos”, explicou Walker.
Para o escritor, os principais atractivos da ruta para os camiñantes ingleses radican no feito de que hai menos asfalto, “a paisaxe é incrible” e a sinalización moi boa. “A existencia do faro de Cabo Silleiro e da Fortaleza de Monte Real son claves para que prefiran desviarse do camiño orixinal e realizar a ruta costeira e entrar en Baiona pola estrada principal”, engadiu.
Pola súa banda, o alcalde destacou o incremento de peregrinos dende que o Camiño pola Costa foi declarado oficial. “Fixemos moitos esforzos no últimos meses para atraer a máis visitantes, como a nova Oficina de Turismo e a mellora da sinalización con mouteiras, e nótase un aumento importante de camiñantes que elixen pasar por Baiona”, sinalou Rodal. A ciclo-vía, os albergues e a accesibilidades foron outros dos temas tratados na reunión.
“Case podemos tocar o océano”
Na nova guía de Johnnie Walker recóllese a entrada do Camiño pola Costa dende Portugal. O escritor percorreu durante as últimas semanas o tramo que vai dende Oporto ata Redondela, cruzando o Miño en ferry e atravesando os municipios da Guarda e Oia ata entrar en Baiona e quedar marabillado polas súas vistas.
Nas súas redes sociais, o editor foi narrando en primeira persoa a súa ruta e as súas sensacións.“Camiñamos tan preto do océano que case puidemos tocalo. Sentir a sal no aire e o son das olas rompendo nos acompañaron ata o final. Se algunha vez existe unha sección chamada “Wow” nas guías do Camiño de Santiago está aquí. As vistas sen interrupcións foron incriblemente fermosas”.