Este venres, 28 de abril, ás 21,00 h, arrancará o «alumbrao» que dará comezo á 29 edición da Feira de Abril en Vigo. A zona do Náutico será, un ano máis, o espazo no que se van desenvolver actividades musicais e de baile. Este ano, como novidade, ademais da Casa de Andalucía en Vigo -que conta coa caseta principal- tamén forma parte da iniciativa a Asociación Cultural Triana de Vigo. Segundo explicaron os promotores na presentación, as actividades arrancarán sobre as 12,00 horas e prolongaranse ao longo de todo o día, incluído, entre outros, obradoiros e actuacións infantís, un flahsmob ou paseos en cabalos ou calesas
Durante a rolda de prensa, o concelleiro de Comercio, Angel Rivas, fixo un chamamento a todos os vigueses para achegarse ao Náutico nesta ponte festiva. Referiuse á Feira de Abril como un acontecemento xa consolidado na cidade que contribúe a dinamizar a hostalería e o comercio local. Rematou agradecendo aos organizadores a súa labor e reiterou o compromiso do goberno local con todas as accións que estimulen a economía e polo tanto a xeración de emprego.
Rivas estivo acompañado nesta presentación por María Josefa Villar López, presidenta da Casa de Andalucía en Vigo; Rubén Pérez Méndez, presidente de Zona Náutico e Vicente González Pereira, presidente da Asociación Cultural Triana de Vigo.