Esta actuación inclúese na tempada de música clásica de Afundación na cidade de Vigo. Nela, a agrupación interpretará Tres pinturas velazqueñas de Jesús Torres (1975), Concerto para violín e instrumentos de vento, op. 12 de Kurt Weill (1900-1950) e Sinfonía núm. 4 en si bemol maior, op. 60 de Ludwig Van Beethoven (1770-1827).
As entradas están á venda a través das canles habituais da entidade, en www.ataquilla.com ou ben no teléfono 902 504 500, para todas aquelas persoas que non tivesen adquirido o abono para a tempada que supón un aforro do 20 % con respecto ás entradas individuais. Este concerto está encadrado na iniciativa «Quedamos no palco, quedamos coa clásica» que permitirá acudir de xeito gratuíto a nenos de ESO e bacharelato.
Aqueles centros educativos interesados deberán, desde 10 días antes de cada concerto, solicitar os bonos a través do teléfono 988 391 746 ou no correo electrónico quedamosnopalco@afundacion.org. Ademais, as persoas con 35 anos ou menos gozan da oportunidade de conseguir as entradas na billeteira media hora antes de cada concerto a un prezo reducido coa finalidade de promover este tipo de espectáculos entre o público novo.
Artistas
Jaime Martín é frautista e, desde o ano 2008, director de orquestra. Comezou os seus estudos con Antonio Arias en Madrid e, máis tarde, con Paul Verhey en A Haia. Coma frautista solista tocou en incontables agrupacións como a Orquesta Sinfónica de Galicia, a Orquestra de Cámara Europea ou os Virtuosos de Moscova. Foi, ademais, primeira frauta da Royal Philharmonic Orchestra ata o 2001 e na actualidade éo da Chamber Orchestra of Europe, da Academy of St. Martin in the Fields e da English National Opera. Exerce como profesor no Royal College of Music de Londres e na National Youth Orchestra de Gran Bretaña.
Anthony Marwood é un reputado violinista clásico que tocou con orquestras de todo o mundo como a Sinfónica de Boston, a de Nova Zelandia ou a de Berlín. Entre 1995 e 2012 foi membro do trío Florestan, xunto a Susan Tomes e Richard Lester. Realizou os seus estudos xunto a Emanuel Hurwitz e David Takeno.
James Dahlgren é concertino Honorario da Orquestra Nacional de Oporto, estudou con Zaven Melikian no Conservatorio de San Francisco. Despois de traballar durante cinco anos coa Orquestra da Ópera de San Francisco, aceptou o posto de concertino na Orquestra Metropolitana de Lisboa e máis tarde o de concertino asociado na Orquestra Cidade de Granada.
Real Filharmonía de Galicia
A Real Filharmonía de Galicia iniciou a súa actividade en 1996 no Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, onde presenta a súa tempada estable de concertos. Ademais do mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado e vinculado á RFG desde o seu inicio, e de Christoph König, principal director invitado, tamén dirixen a orquestra outros directores como Frans Brüggen, Juanjo Mena, David Afkham ou Hansjorg Schellenberger, entre outros. Do mesmo xeito xunto á RFG actuaron os mellores intérpretes, por exemplo Frank Peter Zimmermann, Daniel Hope ou Vadim Repin (violín), Natalia Gutman, Lluís Claret ou Enrico Dindo (violoncello), Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder ou Eldar Nebolsin (piano) e cantantes como Teresa Berganza, Thomas Quatshoff ou Matthias Goerne.
Como actividade externa, a presenza nas cidades galegas, así como no resto de España, é de capital importancia, do mesmo xeito que as xiras internacionais que realizou (Austria, Alemaña, Francia, Brasil, Arxentina e, especialmente, Portugal). Paralelamente, a vocación pedagóxica da RFG tradúcese en actividades dirixidas aos futuros profesionais da música, a través da Escola de Altos Estudos Musicais, que imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, cos músicos da RFG como profesores. Tamén organiza concertos didácticos para nenos co Auditorio de Galicia, o que posibilita que cada ano ao redor de sete mil escolares poidan coñecer mellor a música sinfónica. A RFG está xestionada administrativamente polo Consorcio de Santiago e forma parte da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas (AEOS).