En concreto, nesta convocatoria repártense un total de 749 tarxetas para cubrir gastos de alimentación, por un valor de 303.000 euros; 670 cheques para axudar ao pagamento das tarifas enerxéticas, cun importe de 201.000 euros e, no caso da vivenda, concedéronse 1.493 axudas para os alugueres, por un valor de 971.000 euros e 122 axudas para o pago de hipotecas, cun importe de 74.000 euros.
Abel Caballero salientou en total o Concello vén de asignar 1.549.000 euros para «apoio en vivenda, para evitar desafiuzamentos e para pagar alugueres de familias sen recursos, o que significa que segue habendo unha enorme demanda de familias que non poden pagar os seus alugueres ou hipotecas». O conxunto das axudas, das que se reserva unha parte para atender as posibles reclamacións que se presenten, ascende a 1.640.000 euros que se suman aos 802.000 euros do Plan de Emerxencias de Desafiuzamentos, o que suma 2.442.000 euros anuais que o goberno local destina a este programa de axudas, segundo explicou o alcalde.
As familias beneficiarias están recibindo a notificación do Concello sobre a resolución da convocatoria e as axudas comezarán a aboarse a partir do mércores 26 de outubro no Concello. Para iso, as persoas beneficiadas deberán solicitar cita previa a través da páxina web municipal ou do teléfono de información 010.
O rexedor manifestou que amais do programa de axudas a familias, a solidariedade na cidade «segue avanzando» con partidas no ámbito da política social como as que destina o seu goberno á dependencia por valor de 3 millóns de euros anuais; ao albergue (700.000 euros ao ano); CEDRO, cun millón de euros ou os máis de 1,5 millóns de euros ao ano ás bolsas de comedor.
Contratación do servizo de limpeza
A Xunta de Goberno Local deu o visto bo este venres ao expediente de contratación dos servizos de limpeza dos colexios públicos e das escolas municipais dependentes do Concello por un período de catro anos, entre 2017 e 2020, que sae a licitación por un importe máximo de 12.240.333,02 euros, repartidos en 3.060.083,26 euros por ano. O alcalde salientou que é o Concello quen paga a limpeza dos centros educativos e quere que «estean ben atendidos».
Ademais quedou aprobado o Plan de Seguridade e Saúde e o Plan de Xestión de Residuos das obras na rede de saneamento e abastecemento das rúas Lotas, Brea a Bueu, polo que se poden iniciar xa as humanizacións.