Tamén, en cumprimento das sentenzas, o sindicato esixe que se regularice a situación dos profesionais que sofren contratos encadeados, así como o pagamento das correspondentes indemnizacións ás persoas que rematan ou remataron xa os seus contratos nos termos establecidos nas ditas resolucións xudiciais.
Doutra banda, o sindicato pide a «inmediata reconversión» dos chamados contratos de servizos determinados —equivalentes a contratos de obra e servizo ou contratos de actividade nova— en contratos interinos, nos termos en que así o ditamina a normativa. Así mesmo, CCOO-Sanidade esixe a convocatoria dunha oferta pública de emprego (OPE) «excepcional e con custo cero» para todos estes postos de traballo, pero tamén para compensar a destrución de emprego dos últimos anos.
Finalmente, a Federación de Sanidade de CCOO reclama a «inmediata apertura» da carreira profesional no Sergas, ampliándoa ao persoal interino, ao integrado doutras administracións e ao que aprobou as últimas OPE, tal como ditamina outra sentenza europea.
Se o Sergas non actúa «de inmediato», CCOO asegura que se «intensificará a batalla xurídica», amais de contactar con outras organizacións para «iniciarmos un proceso unitario de mobilizacións».