«Trátase dunha actuación fundamental, promovida pola Zona Franca de Vigo, que vai permitir modernizar o parque empresarial e abordar así a construción dos novos modelos de vehículo da factoría viguesa, que suporán un investimento no sector da automoción galega de máis de 3.000 millóns de euros», afirmou Feijóo.
Segundo indicou o xefe do Executivo galego, a tramitación realizouse mediante o procedemento recollido na Lei de medidas en materia de proxectos de urxencia ou de excepcional interese promovidos por administracións públicas, aprobada no Parlamento.
Deste xeito, tralo análise por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, esta deulle traslado ao Concello de Vigo, cuxo informe é preceptivo e vinculante. Da mesma maneira, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio someteu a iniciativa a consideración da Comisión Superior de Urbanismo, sendo aprobado por unanimidade.
Por tanto, o Consello da Xunta é o último paso, unha vez que o proxecto conta cos informes favorables tanto do Concello como dos diferentes órganos sectoriais. Deste xeito, tras esta aprobación, é posible iniciar as licitacións pendentes con carácter inmediato e concluír o Plan de modernización iniciado no ano 2013.
Entre as actuacións comprendidas no Plan de consolidación e modernización do Polígono de Balaídos, Feijóo destacou obras como unha subestación eléctrica; a construción, rehabilitación e reforma de naves industriais; e a reordenación e mellora de instalacións de seguridade e eficiencia enerxética.
Para o presidente da Xunta, trátase dun Plan fundamental para Citroën, pero tamén para as restantes industrias de compoñentes asentadas no Polígono de Balaídos: GKN Driveline Vigo, Grupo Maviva e Gefco España.
De feito, grazas a estas empresas, o Polígono de Balaídos acadou unha facturación de máis de 5.500 millóns de euros en 2015, supoñendo un 35% do total da facturación empresarial de toda a comarca de Vigo. Entre as catro empresas, dan traballo a 7.600 persoas.
Como concluíu o titular do Goberno galego, desbloqueando este asunto, a Xunta cumpre co compromiso coa cidade de Vigo de impulsar todos os trámites administrativos dependentes da Xunta, para que ningún dos proxectos de especial interese público para esta cidade se vise afectado pola sentenza do Supremo na que se anula o PXOM de Vigo.