O rexedor anunciou este mércores que propoñerá unha «acción histórica á Zona Franca» para a recuperación da Panificadora a través da cooperación co Concello, ao seren dúas institucións coa «capacidade normativa e económica para facelo». Así, levará o proxecto a un pleno monográfico que convocará a finais deste mes de agosto ou comezos do mes de setembro para que sexa sometido á súa consideración e votación.
Logo de relatar que o goberno local leva tempo estudando e reflexionado unha proposta nun diálogo permanente cos propietarios, considera Caballero que «é posible e este é o momento» de acometer a recuperación da Panificadora malia a dificultade que supón a «edificabilidade concedida aos propietarios por algún goberno anterior ao meu», o que implica que «agora hai que pagar a expropiación», de non ser posible a negociación cos propietarios.
Cre o alcalde vigués que para a Zona Franca o proxecto é «asumible» porque ten un «elevado nivel de recursos» que poden ser empregados e «instaremos a que os empregue en parte no centro da cidade», na recuperación da Panificadora e da actividade económica coa posta en marcha de centros de encontros empresarial, de formación empresarial ou espazos de investigación, de maneira que teña «retornos para Zona Franca», engadindo que a maior parte do investimento correspondería a esta entidade que «debe facer unha grande acción na cidade porque leva moitos anos descoidando a atención a Vigo e «acabouse ese tempo».
Así, Caballero sinalou que a proposta debe acometerse desde a cooperación público-privada, que ten posibilitado a posta en marcha neste tipo de espazos de actividades públicas de grande envergadura, de carácter cultural e social, como é o caso das bibliotecas e ámbitos de lectura, os espazos de desenvolvemento social e de movementos cidadás. Esta colaboración permite tamén xerar actividade no ámbito privado que demanda espazo para oficinas, centros de promoción, coworking, laboratorios empresariais ou o desenvolvemento de pequenas zonas residenciais. Apuntou tamén que «existen pancas urbanísticas para ser empregadas e que desenvolverá o Concello» para posibilitar o desenvolvemento do proxecto.
Marea de Vigo
Pola súa banda, a Marea de Vigo pedíu información “real e actualizada” sobre o estado legal do ámbito trala anulación do PXOM, o custe expropiatorio que tería adquirir os terreos e a antiga fábrica, un proxecto arquitectónico concreto e unha priorización de usos que prime o público e o asociativo.
Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo suliñou hoxe que “de novo aparecen ideas pretendidamente audaces de que facer co edificio. Dende vivendas e oficinas, a biblioteca pública ou centro socio-cultural; ideas saídas dos sucesivos gobernos municipais, pero que non concretan nada sobre expropiación e adquisición dos terreos, como se artellará a redacción do proxecto e o encaixe na legalidade urbanística vixente e especialmente cal deben ser as prioridades de uso, e polo tanto orientación construtiva, do inmoble e os terreos circundantes.”