A Marea de Vigo emitíu este martes un comunicado no que sinala que participará na xuntanza que se celebrará no mes de xullo á que os alcaldes asinantes convidaron aos actores políticos e sociais que veñen traballando na configuración dunha candidatura de confluencia. Para a Marea de Vigo resulta «prioritario, neste momento, traballar na confección conxunta do programa electoral e definir o proceso participativo de primarias no que, o conxunto da cidadanía que apoia En Marea, poida tomar parte na escolla do candidato/a a presidir a Xunta de Galiza e das persoas que representen a cidadanía no Parlamento».
A Marea indica que autoconvocouse a unha xuntanza para a vindeira semana na que se debaterán e decidirán as aportacións que colectivamente defenderán as persoas integrantes da organización que participen nesa confluencia.
«Sendo conscientes de que aínda está todo por decidir, a Marea de Vigo, nomeara representantes para que defendan posturas colectivas da nosa plataforma, independentemente de se a participación final, decidida entre todas e todos, resulta organizada dalgún outro xeito», explican.
“A necesidade de configurar unha alternativa electoral coa vista posta nas vindeiras eleccións autonómicas de outono, e a responsabilidade por estar a altura dos tempos e da ilusión que moitas persoas en todo o país depositaron nas diferentes expresións electorais que representaron ao espazo político das Mareas nas últimas convocatorias, lévanos a comprometernos co proceso de construción dunha ferramenta nacional que dea expresión electoral ás arelas de cambio das galegas e galegos”, conclúen.