Acompañados de pancartas cos lemas “Auga para todas” e “Vivir dignamente é un dereito”, os compoñentes da ODS berraron cánticos como “Aqualia, escoita: a auga non se corta”, “Ningún negocio coas nosas necesidades” e “Non máis cortes. Auga para todas”. Alí, ademais, mantiveron unha “breve conversa” cunha das responsables da firma na que lle comunicaron as súas reivindicacións.
Segundo informaron, desde a concesionaria trasladaron a responsabilidade ao goberno municipal, polo que os membros do colectivo dirixíronse ata o Concello, onde non lograron ser recibidos polo titular de Fomento, David Regades, ausente nese momento. No seu lugar, foron atendidos por un funcionario que lles afirmou que en Vigo “non se lle corta a auga a ninguén”.
Tampouco foron quen de reunirse coa responsable de Benestar Social, Isaura Abelairas, actualmente de baixa, polo que se entrevistaron co xefe de servizo desta área para saber cantas persoas recibían a axuda municipal para facer fronte ao pago do servizo. Este explicoulles que non podía dar eses datos pero, segundo manifestaron, asegurou que si había cortes de auga na cidade e que dende o departamento intentaban palialo cos recursos que teñen.
Desmentido de Fomento e da concesionaria
Pola súa banda, o concelleiro Regades ofreceu horas máis tarde unha rolda de prensa na que desmentiu as acusacións da ODS Coia e mantivo que en Vigo está garantido o acceso á auga. Igualmente, sostivo que «en ningún caso» se corta o subministro dos fogares con problemas económicos.
Segundo o edil, o Concello e Aqualia acordaron recentemente un programa de axudas a familias sen recursos para abonar a auga, con cargo á compañía e cun orzamento de 30.000 euros para o que resta de ano. En 2015, cen familias beneficiáronse deste plan.
Ademais, apuntou que no 2008 se implantou un sistema de pago aprazado do recibo, sen xuros nin penalizacións para os usuarios. Cada caso abórdase de forma individual e establécese un aprazamento de pagos adaptado a cada solicitante.
Esta versión foi confirmada por Aqualia a través dun comunicado de prensa, no que a compañía fai fincapé na “coordinación permanente” que mantén cos Servizos Sociais do Concello e outras entidades de Vigo “para garantir que ningunha familia sen recursos quede sen auga”.
“A empresa concesionaria trata de forma personalizada cada caso e establece un aprazamento de pagos adaptado a cada usuario sen intereses nin penalizacións”, engaden desde a firma.