Vigo berrou este domingo contra a precariedade laboral. Foi un Primeiro de Maio con miles de persoas nas rúas da cidade. Os sindicatos convocaron as súas marchas por separado. A CIG e a CUT-CGT marcharon ata a Porta do Sol; CCOO e UGT, ata a delegación da Xunta.
Durante o percorrido da CIG, no que participaron distintas organizacións políticas e sociais e que congregou arredor de 10.000 persoas, as consignas máis coreadas foron “A crise social que a paque o capital”, “Nas empresas e na rúa a loita continúa”, “Feijóo cacique Galiza vai a pique”, “Banca e patronal, ladróns por igual” e “Queremos traballar e non emigrar”.
Ao remate da mobilización, xa na Porta do Sol, tomou a palabra o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, para denunciar que as reformas laborais aprobadas polo PP en 2012 e polo PSOE en 2010 “comparten unha mesma lóxica de precarización, de recorte de dereitos e de empobrecemento da clase traballadora e responden ao mesmo programa de saqueo que ditan a Unión Europea e a Troika para aumentar a nosa explotación”.
Pola súa banda, Comisións e UGT tamén camiñaron nunha marcha multitudinaria baixo o lema «O estado do benestar e noso» e berraron contra a pobreza salarial. «Nin máis paro, nin máis resignación», clamaron.
Chegada da manifestación en #Vigo #1demaio #1demayo pic.twitter.com/EwVOowTJBx
— Xuventude CCOO (@XuventudeCCOO) 1 de mayo de 2016