No día de onte xa o grupo municipal da Marea de Vigo, a través do seu voceiro, Rubén Pérez, denunciaba publicamente unha suposta serie de irregularidades na xestión da concesión do contrato de alumeado a unha empresa cun vínculo familiar co concelleiro do Goberno que participa na mesma.
«Este concelleiro, en caso de empate de votacións na mesa, disporía de voto dobre e segundo a lexislación aplicable, non é compatible a participación na mesa si hai un vinculo de ata segundo grado de consanguinidade ou afinidade, como é o caso», afirma a Marea.
«Este asunto levou á mesa a emitir un informe valorando a situación, co cal o grupo municipal da Marea de Vigo non está dacordo, posto que sitúa a persoa vinculada a empresa nunha posición non decisoria, cando consideramos, tendo en conta os datos, non é o caso», engade.
A Marea de Vigo considera tamén que este problema podería terse evitado «dun xeito tan sinxelo como que o concelleiro en cuestión non participase nesta mesa e o fixera outro no seu lugar, pero o feito de non facelo da a entender que se está actuando con tal descaro por parte deste goberno municipal que nin se preocupa por gardar as máis minimas formas democráticas de funcionamento».
Por isto, xa rematado o proceso de adxudicación, a Marea de Vigo levará o asunto ó pleno e ademáis solicitará a apertura das comisións pertinentes para «esclarecer o que está acontecendo e aconteceu con esta empresa e o Concello, a mesma que conseguiu empotrar cun salario de 97.000 euros como persoal subrogable ó xerente da mesma, e a mesma que está pasando por procesos xudiciais nestes intres con outros asuntos referentes a concesións públicas do Concello de Vigo e a supostas contratacións falsas de persoas afins o Goberno Municipal».
Do mesmo xeito, a Marea de Vigo considera que este asunto debe ser esclarecido no ámbito político e descarta acudir a sede xudicial, onde soamente acudíu ata o de agora pola reiterada negativa do Goberno Municipal a apertura de comisións de investigacións, nese caso, sobre a Operación Patos.