No concurso participaron un total de 59 persoas que, entre o 19 e o 28 de marzo, achegaron instantáneas dos seus recunchos predilectos no municipio, a través das redes sociais do Concello de Nigrán. Só no primeiro día, 4.017 persoas seguiron o concurso no perfil de Turismo Nigrán, superando as 6.130 o derradeira xornada da convocatoria.
O xurado, composto por todos os membros do goberno municipal e o fotógrafo profesional Adrián Irago, determinou outorgar o premio, consistente nun curso surf ou nunha travesía de paddle surf para dúas persoas, a Javier Campos, estudante de Marketing e Dirección Comercial, “por unha instantánea cunha pincelada vintage, que recolle a beleza natural da costa de Nigrán, co mar turquesa bañando Praia América e Monteferro presidindo a paisaxe”, segundo manifestou o xurado.
Rodríguez, que actualmente está a cursar un mestrado en Madrid, amosouse contento pola noticia. “É a primeira vez que me presento a un concurso deste tipo, pero o mércores de Semana Santa baixei a dar un paseo por Praia América e fixen a fotografía porque había unha luz incrible; vin que había o certame e decidín enviala”, declara. O estudante acompañou a imaxe co seguinte chío: “O paraíso ten nome, Nigrán. Invítame a lembrar veráns pasados e o orgulloso que estou de vivir no Val Miñor”.
Segundo os integrantes do xurado, a decisión non foi sinxela, xa que “había moitas fotografías dignas de gañar”. É por isto, que o Concello de Nigrán decidiu organizar unha exposición con todas as imaxes que se poderá ver no auditorio municipal nos vindeiros meses, así como a realización de distinto material destinado á promoción turística da localidade, como postais, carteis ou un calendario de 2017 con doce das instantáneas achegadas.
Os nomes dos autores para o almanaque revelaranse este xoves 7 de abril na entrega do premio a Javier Campos, que terá lugar no auditorio municipal a partir das 18.00 horas e ao que están convidadas todas as persoas participantes, así como toda a veciñanza que se queira achegar.