«Coa intención de revitalizar a organización, reducindo a burocracia e apostando polo activismo, desta volta elimínase a figura da Executiva Local e decidiuse reducir a composición do Consello Local, de 36 a 27 integrantes, para gañar en operatividade e tamén para reforzar o papel das asembleas locais, nas que pode participar toda a afiliación e están abertas a simpatizantes, como espazo de debate e decisión», informou o BNG.
O novo consello local encabezado por Serafín Otero é unha lista «paritaria en xénero, distribuída de maneira intercalada, e atinxe unha renovación de case un terzo dos e das súas membras». A candidatura liderada por Otero incorpora ademais a persoas «de todos os partidos, colectivos e sensibilidades que están organizados no seo do BNG, nunha aposta pola integración para reforzar a pluralidade da fronte nacionalista». Dela salientan activistas do campo estudantil, veciñal, cultural, na defensa dos servizos públicos e do eido sindical e a presenza da deputada no Parlamento galego, Carme Adán, e da exdeputada no Congreso, Olaia Fernández Davila. “Temos unha equipa renovada, na que hai novas incorporacións e tamén experiencia. Unha equipa solvente que será quen de lograr que o nacionalismo galego recupere un maior apoio popular”, explicou o cabeza de lista.
Henrique Vieitez, que decidiu voluntariamente non continuar como Responsábel Local, non fará parte do novo Consello Local, mais expresou a súa plena disposición a continuar traballando polo BNG. A asemblea local agradeceu o traballo desenvolvido por Vieitez e a dirección anterior, recoñecendo o seu “enorme compromiso e dedicación”. “Seguiremos a contar contigo Henrique, como queremos contar con todos os homes e todas as mulleres que queren axudarnos a facer realidade o noso proxecto de cambio para Vigo e Galiza”, declarou o novo Responsábel Local.
Relanzar o nacionalismo
A nova dirección fíxase como principal obxectivo o relanzamento da alternativa nacionalista na cidade de Vigo. Nese sentido, asume como tarefa pilotar no ámbito local o proceso de refundación do BNG que a XV Asemblea Nacional decidiu impulsar. Ese relanzamento materializarase na multiplicación dos contactos co tecido social e organizativo da cidade, tecendo inda maior complicidades cos movementos sociais e tomando parte activa nas principais loitas e conflitos sociais.
Ademais, o Bloque despregará “de inmediato un ambicioso paquete de iniciativas políticas para dar resposta en todos os ámbitos ás principais necesidades e preocupacións da veciñanza de Vigo», tanto a nivel social como a través da súa representación institucional nos parlamentos galegos e europeu e na Deputación de Pontevedra. “Alí onde estea presente o BNG vai haber unha voz firme en defensa da veciñanza de Vigo e do noso país”, enfatizou Otero.
En positivo e desde abaixo
Serafín Otero xa anunciou que a súa intención é impulsar un traballo intenso “de rúa”, en contacto directo coa xente e cos movementos sociais, “pateando os barrios” e poñendo encima da mesa propostas concretas diante da “inacción do Goberno municipal e o abandono da Xunta”. “Non queremos ser unha oposición de rúa, queremos ser un goberno en construción desde a rúa, desde abaixo, desde os barrios, coa xente” explicou, expresando tamén a certeza de que “moitos vigueses e moitas viguesas levan meses a botar en falta a presenza do BNG no Concello, notan a diferenza entre que o Bloque estea ou non”.
O novo responsábel local explicou que toda a acción política do BNG na cidade quere enfocarse en chave “positiva”. “Non nos imos limitar a contestar, nin a denunciar os erros e as eivas dos goberno municipal, da Xunta o do goberno español en relación a Vigo. A cidade non se cambia con queixas, senón propoñendo alternativas concretas e empurrándoas desde abaixo, co pobo” explicou.
Nese sentido lamentou que os primeiros meses do novo goberno municipal teñan confirmado a súa incapacidade para dar resposta aos problemas reais e concretos da veciñanza. “Seguimos cun transporte urbano de terceira división, son dúas veces máis os nenos e nenas que se quedan sen praza nas escolas infantís municipais que as que a conseguen, e vemos como non se poñen en marcha medidas urxentes e de reforzo para combater a violencia machista” exemplificou, aludindo tamén ao “evidente abandono do noso medio natural” e a “unha política de exterminio cultural”.