Durante todo o día, o salón de actos do edificio administrativo será o lugar escollido para esta xornada que impartirá a psicóloga Marlene Horna Castiñeiras e que está aberta a todo o público pero dirixida, concretamente, a docentes, familias e profesionais do ámbito social. O prazo de inscrición está aberto ata o mércores 17 de febreiro e pode facerse a través do correo electrónico administracion@autismobata.com.
¿Cómo me adapto aos meus alumnos con Asperger?, ¿Podo axudalo a facer amigos?, ¿Por qué suspende a pesares de ter coñecementos? ¿Cómo actuaría ante o bullying? son algunhas das preguntas que, durante a xornada de mañá e tarde, a profesional do colectivo encargada de ofrecer a formación intentará responder a todos os participantes baixo un enfoque eminentemente práctico. Con todo, o programa do curso conta con varios puntos a atender que pasan por comprender aos alumnos con TEA-AF, a preparación da súa chegada ao centro educativo e as primeiras intervencións, a organización do espazo físico e material, a estratexia para que aprendan, cómo levar os exames e avaliacións, os momentos que viven nos patios de recreo, no comedor e nas excursións e, por último, o acoso escolar.
Horna Castiñeiras é psicóloga, especialidade Clínica e Social. Conta cun máster en atención temperá e dende hai máis de quince anos traballa apoiando a nenos e adolescentes con Trastornos do Espectro do Autismo (TEA) e as súas familias. Traballou na Unidade de Atención Temperá da Universidade de Santiago, como psicóloga orientadora dun dos CEE da asociación Aspanaex e actualmente desenvolve a súa actividade nas contornas naturais da persoa e na Unidade de Apoio Ambulatorio de ´BATA´. Posúe unha ampla experiencia coma docente adquirida en diversos cursos de institucións, asociacións e universidades.
A asociación de autismo ´BATA´
BATA (Baión Asociación Tratamento do Autismo) é unha entidade de iniciativa social, sen ánimo de lucro, cuxa misión é ofrecer apoios e recursos orientados á mellora da calidade de vida das persoas con TEA e das súas familias. Actualmente presta apoio, a través de diferentes programas e servizos, a máis de 165 nenos e adultos de Pontevedra e A Coruña.