Coa unanimidade do Pleno saíu adiante, na sesión deste luns, a moción presentada por Marea de Vigo na que se solicita á empresa Limpezas del Noroeste (Linorsa) as acreditacións e certificacións que indican os pregos de condicións en cumprimento da normativa laboral e fiscal, de maneira que aboe as cantidades que lle debe ao cadro de persoal. Tamén se acordou tomar as medidas oportunas coa empresa adxudicataria, en base ás faltas moi graves tipificadas nos propios pregos de condicións e, no caso de que non se resolvan eses incumprimentos, proceder á resolución do contrato e adoptar os procedementos necesarios para garantir a continuación do servizo sen prexuízo aos traballadores e traballadoras.
O voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez, expuxo que as familias non poden soportar os impagamentos e solicita que se «aparte a Linorsa dos contratos públicos» polas «faltas moi graves» cometidas polo incumprimento das obrigas laborais como é a débeda do salario dos empregados que realizan a limpeza nos colexios públicos e escolas municipais así como nas dependencias do Concello.
Pola súa banda, o edil David Regades, explicou que o Concello «está do lado dos traballadores» e abrirá un expediente sancionador a Linorsa se no prazo de quince días non cumpre coas obrigas requiridas retirándolle a concesión, asegurando que o goberno local exercerá «toda a potestade e forza para esixirlle o pago canto antes».
Durante as intervencions, os traballadores presentes no pleno corearon consignas solicitando o pago dos salarios e reclamaron ao Concello que explicase por que fora renovada a concesión cando xa existían problemas.