O recital, composto por obras de Cherubini, Bach e Beethoven, terá lugar o xoves 28 de xaneiro ás 20.30 h. no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13). As entradas pódense adquirir mediante as canles habituais de comercialización de espectáculos da entidade: a web Ataquilla.com e o teléfono 902 504 500. Ademais, a fundación galega ten en marcha unha política de bonificacións e descontos para persoas desempregadas, xubiladas e mozas que supón unha rebaixa adicional dun 10 % no prezo das entradas.
Pedro Neves
Estudou violonchelo no Conservatorio de Música de Aveiro, na Academia Nacional Superior de Orquestra, en Lisboa, e na Escola de Música Juan Pedro Carrero, en Barcelona. Graduouse en dirección orquestral pola Academia Nacional Superior de Orquestra. Mestre titular da Orquestra Clásica de Espinho e mestre convidado da Orquestra Gulbenkian, actualmente prepara o seu doutoramento na Universidade de Évora sobre as seis sinfonías de Joly Braga Santos.
Javier Simó
É profesor en excedencia do Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela; actualmente é profesor asistente do Centro Superior de Música do País Vasco (Musikene) e trompeta principal da Real Filharmonía de Galicia.
Real Filharmonía de Galicia
Iniciou a súa actividade en 1996 no Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, onde presenta a súa tempada estable de concertos. Ademais do mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado e vinculado á rfg desde o seu inicio, e de Christoph König, principal director convidado, tamén dirixen a orquestra outros directores coma Frans Brüggen, Juanjo Mena, David Afkham ou Hansjorg Schellenberger, entre outros. Do mesmo xeito, xunto á rfg teñen actuado os mellores intérpretes, por exemplo Frank Peter Zimmermann, Daniel Hope ou Vadim Repin (violín), Natalia Gutman, Lluís Claret ou Enrico Dindo (violoncello), Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder ou Eldar Nebolsin (piano), e cantantes coma Teresa Berganza, Thomas Quatshoff ou Matthias Goerne.
Como actividade externa, a presenza nas cidades galegas, así como no resto de España, é de capital importancia, do mesmo xeito que as xiras internacionais que teñen realizado (Austria, A Alemaña, Francia, O Brasil, A Arxentina e, especialmente, Portugal). Paralelamente, a vocación pedagóxica da rfg tradúcese en actividades dirixidas aos futuros profesionais da música a través da Escola de Altos Estudos Musicais, que imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral cos músicos da rfg como profesores. Tamén organiza concertos didácticos para nenos e nenas co Auditorio de Galicia, o que posibilita que cada ano ao redor de sete mil escolares poidan coñecer mellor a música sinfónica. A rfg está xestionada administrativamente polo Consorcio de Santiago e forma parte da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas (AEOS).