Queren que o traballo dos celadores se centre no servizo de atención directa aos pacientes. Se non fose polo aldraxe que supón esta frase lapidaria case me botaría a rir.
É que acaso estes señores tan informados non saben que hai compañeiros, con praza en propiedades conseguida en concurso público, con graves minusvalías aos que lles resulta imposible a atención directa ao paciente?
Poden, por favor, explicarme, como unha persoa que lle falta un brazo, ou que ten movilidade reducida nunha parte do seu corpo, ou hernias discais, ou que se está recuperando dun cancro, pero que Inspección obrigou a incorporarse ao seu posto de traballo, como, señores, poden estes compañeiros realizar unha atención directa ao paciente.
Quero aclararlles, por se tampouco se informaron disto, que a atención directa supón mobilizar pacientes, levantalos, deitalos, axudar no aseo ou trasladalos en camas ou padiolas. Para ilustralos convídoos a que compartan con nós unha xornada de traballo na planta de Xeriatría ou Neuroloxía.
Prégolles que nos digan dunha vez que pretenden facer con toda esta xente que ata agora desenvolvía funcións de traslado de documentos, analíticas ou materiais, precisamente o que pasa agora a ser función dunha empresa allea con persoal alleo e con nula preparación.
Tal vez pretenden telos de brazos cruzados dando voltas polo hospital, cobrando por facer nada? Así xestionan os señores da Xunta o noso diñeiro? Como Galicia ten superávit, podemos permitirnolo.
E ISO POR QUE? Pois porque decidiron que agora lle tocaba facer negocio co colectivo de celadores.
Algo tan demencial só ten unha explicación, que ven do propio Sergas: «Hay un contrato firmado por la Xunta que establece que la empresa concesionaria desarrollará todas las tareas de transporte y logística».
Ata agora o celador desevolvía o traballo en todos os servizos do hospital: farmacia, almacén, UCI, hospitalización, urxencias, quirófano… En todos. E así ten que seguir sendo. Polo ben dos traballadores, e tamén, e sobre todo, polo ben dos pacientes.
Que tristura, que hipocresía, que malversación. Din que “nos quitan servicios para mejorar la asistencia sanitaria a través de la focalización de servicios».
Pero, señores importantes, os servizos xa estaban focalizados antes de que decidiran dobregarse aos intereses da concesionaria. Cada celador desenvolvía o seu traballo segundo as súas aptitudes e atendendo as súas limitacións.
Así que por favor, non ofendan á nosa intelixencia e dos cidadáns.
E digan a verdade por unha vez. E a pura verdade é que nos venderon, como antes venderon aos compañeiros dos servizos agora privatizados, que por certo funcionan bastante peor dende que a Concesionaria se fixo cargo.
Digan a verdade! A vostedes pouco lles importa mellorar a asistencia sanitaria, senón que se moven por outros intereses. Os seus.
Pero que saiban que non nos van calar. Que cada vez que nos ofenda como colectivo, como profesionais e tamén como usuarios dun sistema público, imos saír a dar a cara. Imos tratar de desenmascaralos.
Por suposto a invitación segue en pé.
Señor xerente, señora conselleira, señor presidente da Xunta, compartan con nós unha xornada de traballo no servizo de Urxencias do Novo Hospital, onde, por certo, impera o caos, ou nunha planta de hospitalización.
Serán moi ben recibidos por todos os traballador@s e pacientes».
Asinado: Celadores do CHUVI.
Artículos relacionados:
Celadores del Chuvi inician un encierro al asumir sus funciones una ETT
Médicos, enfermeras y auxiliares se unen al encierro de los celadores