Segundo informa a CIG, mulleres organizadas en grupos de acción local na Coruña, Lugo ou en Compostela, na Marcha Mundial das Mulleres de Ferrol, Vigo e Ourense, xunto con diversas mulleres militantes do feminismo galego, convocan concentracións en repulsa ao asasinato machista dunha muller na cidade de Vigo, ocorrido na tarde do domingo.
«Estamos ante a quinta vítima oficial en Galicia, logo dos asasinatos de Isabel Fuentes no hospital de Ourense, de Beatriz Rodríguez Mariño e a súa parella en Arbo (aínda que este último non contabiliza nas estatísticas oficiais, como tampouco o fai o crime aínda sen resolver da muller asasinada preto do Seminario en Ourense), e as dúas meniñas asasinadas en Moraña o pasado mes polo seu pai», apuntan dende a central sindical.
«Unímonos ao rexeitamento da violencia machista e facemos un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega. Que o silencio non nos faga cómplices. Ningunha agresión pode quedar sen resposta», engade a CIG.
Lugares e horas das concentracións do 8 de setembro:
– A Coruña, Obelisco, ás 20 horas.
– Ferrol, Praza do Concello, ás 20 horas.
– Ourense, Subdelegación, ás 20 horas.
– Pontevedra, Praza 8 de marzo, ás 20 horas.
– Compostela, Praza 8 de marzo /Porta do Camiño, ás 20 horas.
– Vigo, no Marco, ás 20 horas.