Na web do proxecto www.fairua.com haberá un mapa do barrio con diferentes vídeos xeolocalizados de entre un a tres minutos de duración. Accedendo a esta páxina poderemos saber a ubicación exacta da mítica Casa da Collona e a que debe o seu nome, a historia da vez que a lotería de Nadal deixou máis millóns na cidade de Vigo, repartindo 900 entre os veciños da Ferrería, ou a película que Adolfo Marsillach rodou nos anos 70 no barrio chino vigués.
Os diferentes vídeos que conforman o web-doc agrúpanse en catro categorías. A primeira de elas, a de “patrimonio”, terá sete vídeos de lugares como o Baluarte de San Sebastián, a Panificadora, ou o Banco dos Contos. A categoría “veciñanza” servirá para coñecer a algunhas das persoas que habitan o barrio, tanto as que levan aquí toda a vida como as recén chegadas. A categoría “comercios”, pola súa banda, componse de catro vídeos que mostran a actividade do barrio. E por último, a categoría “anécdotas” será a que teña maior peso, e nela son os veciños os que nos contan todas as curiosidades dos últimos 80 años de historia do barrio.
A iniciativa parte da Asociación e desenvolveuse desde o mes de setembro de 2014 ata febreiro de 2015. Ramón Viéitez e a xunta directiva da asociación son os encargados da documentación e a produción, Roi Guitián é o realizador audiovisual, Fabio Souto fixo a programación web, Noemí Díaz encargouse do deseño gráfico e María Lobo participou como axudante de produción e redactora. Así mesmo, no proxecto colaboran diferentes institucións públicas e particulares que cederon arquivos fotográficos, documentais e audiovisuais.
“Fai Rúa” nace coa vontade de visibilizar a memoria colectiva do barrio, en pleno proceso de rehabilitación, e de rescatar aquelas historias e persoas que construíron a súa identidade. O resultado é aberto, de modo que o proxecto poderá ir completándose con máis historias ao longo dos anos, non ten ánimo de lucro e todos os contidos se publicarán baixo licencia Creative Commons, o que permitirá que se compartan os vídeos por internet e redes sociais, reforzando o carácter cultural e divulgativo
do mesmo.