O simulacro, coordinado polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais, arrancou unha vez recibida a comunicación de alarma na Conserxería. A partir dese momento, o xefe de Intervención, neste caso o auxiliar técnico de Servizos Xerais do Cacti-Cinbio, achegouse ao lugar do lume mentres o director da Emerxencia acudía ao Centro de Comunicación e Control, instalado na Conserxería, dende onde permanece en contacto co xefe de Intervención.
Ante a gravidade do suceso, os equipos de Intervención, Alarma e Evacuación e os equipos de Primeiros Auxilios, identificados con chalecos amarelos, comezaron a axudar na extinción do incendio, na evacuación do edificio e na atención aos feridos respectivamente.
Ante a imposibilidade de apagar o lume, procedeuse á evacuación do centro mentres o director da Emerxencia saía para recibir aos medios externos como policía, bombeiros, ambulancias, etc. mentres o persoal do edificio se reunía no exterior no lugar indicado no Plan de Autoprotección.
Finalmente, o simulacro saldouse con dous feridos, unha moza con queimaduras e un mozo cunha escordadura.