“Máis aló da investigación xudicial é preciso establecer responsabilidades políticas que permitan tomar boa nota do suceso e poñer en marcha iniciativas lexislativas que garantan a máxima seguridade no futuro”, argumentaba En Marea.
Con todo, os ‘populares’ consideran que a sesión solicitada é innecesaria porque o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa ten previsto comparecer a petición propia nun pleno ordinario e porque consideran que o pleno monográfico que debe tratar este asunto ten que celebrarse en Vigo. Ao igual que o Sergas, a parlamentaria viguesa Teresa Egerique defendeu ademais “a coordinación foi áxil, eficaz e, sobre todo, resolutiva” dos efectivos de emerxencia.
Pola súa banda, os socialistas esgrimiron “a falla de competencias autonómicas” sobre o acontecido e a existencia dunha investigación xudicial en marcha. Abel Losada acusou a En Marea de pedir a convocatoria do pleno extraordinario como parte dunha “estratexia electoral”.
Mentres, o BNG criticou que os responsables políticos non “dean a cara” e propuxeron a creación dunha comisión de investigación. “O problema é que non hai un único maquinista –en alusión ao accidente de Angrois-, senón varias administracións implicadas no financiamento do evento, na cesión de espazos, autorizacións para actividades, etc. Por iso ten que ser o Parlamento o que investigue, para tomar medidas para que non volva a acontecer”, declarou a nacionalista Ana Pontón.