Atópase en Vigo don Antonio Cantero, director-xerente da Compañía do ferrocarril de Medina del Campo a Zamora e de Ourense a Vigo, que ás seis da mañá deste día, «saíu dirixindo por el mesmo a primeira locomotora que atravesou o fermoso e fértil chan da parte sur desta provincia», segundo notifica con ilusión o decano da prensa rexional.
«É, pois, o día 12 de xuño un día de feliz augurio, tanto para Vigo, como para esta provincia e as de Galicia en xeral, cuxa transcendencia non tardaremos en coñecer polo pulo que recibirán, desde este momento anhelado por todo o país, os traballos da vía férrea de Ourense a Vigo e a fronteira portuguesa… A pouco máis das oito regresou a máquina da inspección verificada polo señor Cantero, altamente satisfeito do estado das obras, dos traballos da vía e do ben que a máquina se portou andando cara a adiante e atrás, xa que non ten cambio no traxecto que percorreu».
Este era de nove quilómetros, rumbo a Redondela, e sorte foi, en verdade, que a máquinanon se espantase, como os curiosos que alí había se asustaron «ao oíren o primeiro asubío que a locomotora lanzou como soberana, dominando o porto, aos extremos da cidade».
Desde a nosa beira de traballo non podemos menos que dar os parabéns ao señor Cantero, ao cronista da súa aventura… e á dócil máquina. E tamén nos sumamos ao entusiasmo dun vate case anónimo (R. e E.) que lle ofrendou unha coroa de inefables quintanillas: «Fermosa, altiva xentil, –alzábase sobre a vía– entre a gasa sutil –que se eleva do pénsil– ao nacer un novo día».
Así comeza para concluír os seus piropos á xentil máquina: «Salve esa hora feliz –que leve e rápido pasou –xa que ela a todo presaxia –que o ceo ao fin nos bendice, – e a ela bendígoa eu».
A aquela mesma hora do amencer dun novo día, Vesteiro Torres, que tanto soñara co progreso do seu Vigo e da súa Galicia, xacía exánime nun banco do Paseo do Prado, de Madrid.
12 de xuño de 1876. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).