O Concello de Vigo, en colaboración coa Asociación Faladoiros de Vigo e a Universidade de Vigo, vén de publicar o libro titulado “A fala de Vigo”. Trátase dun traballo realizado por Xosé Henrique Costas González, catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo, cunha traxectoria docente de máis de trinta anos e un grande e meritorio currículo. O devandito libro, prologado por Xosé Luis Méndez Ferrín, constitúe un interesante e indispensable traballo sobre a fala de Vigo e as variedades dialectais no Val do Fragoso.
O libro é de balde e pódese atopar no mesmo Concello, aínda que debería promocionarse noutros puntos e, sobre todo, nos centros escolares, entre todo o alumnado e nas diferentes bibliotecas da cidade. O contido é sumamente interesante e a ciudadanía de Vigo pode atopar con orgullo un xeito propio de falar e de referirse a diferentes obxectos e situacións, nalgúns casos sorprendentes, como por exemplo, a típica frase “a chorar a Cangas”, ou a palabra “ghicho”, tan de Vigo, e todas elas coas correspondentes explicacións.
Un impresionante traballo de Xosé Henrique Costas González ao que é preciso agradecer, canto menos, a súa contribución de moitos anos de traballo para encher estas páxinas, e, sobre todo, o mérito sobrado para unha distinción pública viguesa. Agora soamente falta a difusión dun libro que debería ser indispensable en todas as casas viguesas.