Os estudos do proxecto PrimeFish sobre o comportamento dos consumidores europeos de produtos do mar tamén reflicten que os consumidores españois prefiren o peixe salvaxe, fresco e sen procesar á hora de mercar bacallau, salmón, robaliza, dourada ou arenque. Outro resultado que se extrae desta análise é que o segmento que máis medra no mercado español está constituído por consumidores fieis á marca, que buscan produtos saudables e cunha idea clara das súas preferencias en canto ao peixe.
Estas conclusións aportan coñecemento innovador e de utilidade á hora de incrementar o rendemento competitivo dos produtores de peixe e marisco no mercado europeo. Ademais, PrimeFish está a desenvolver unha ferramenta web que permite un acceso máis doado a estes datos sobre o comportamento do mercado e as preferencias dos consumidores. En particular, servirá de soporte para a toma de decisións, a planificación da produción ou o desenvolvemento de produtos novos.
O consorcio PrimeFish vén traballando desde 2015 en compilar e analizar información precisa sobre os produtos do mar europeos. Conta con financiamento do programa europeo Horizonte 2020 e os seus socios traballan estreitamente con representantes de 40 organizacións dos sectores da pesca e a acuicultura e cos consumidores.
Presentación dos resultados
O evento de presentación dos resultados dos estudos de PrimeFish en Bruxelas é gratuíto previa inscrición, un requisito que as persoas interesadas en asistir xa poden cumprimentar a través deste enlace da web de CETMAR. O programa da xornada inclúe a presentación de comparativas entre os mercados dos diferentes países analizados, que son España, Alemaña, Francia, Italia e Reino Unido. Tamén se abordarán os principais perfís de consumidores e a súa disposición a pagar por estes produtos.