Con todo, desde o comité queren aclarar os axentes, acusados dun delito continuado de falsidade documental, vén motivado por “un erro nun procedemento interno de calidade, concretamente o “PC-01 explotación da lonxa”, e un defecto de forma nun dos seus documentos”.
De feito, sinalan que o pasado 16 de novembro o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, entregou un comunicado aos traballadores no que asumía que o citado procedemento non se adecuaba á realidade e xa con data de 15 de novembro deixábase de cubrir, por toda a policía portuaria, o documento relacionado.
“Tendo en conta que a Policía Portuaria realiza o seu traballo tal e como lle vén encomendado desde a dirección da empresa e que a máxima responsabilidade dos modelos e manuais de calidade recae tamén nos máximos responsables da empresa pública, o comité de empresa considera que está en mans do organismo o eximir aos seus traballadores, que se viron danados moral, social e economicamente polo mero feito de realizar o seu traballo”, argumentan desde o comité.
Por outra banda, os representantes sindicais lamentaron que “se lle queira atribuír á Policía Portuaria un deixamento de funcións en varios ámbitos nos que non teñen competencias”, en referencia ao control e inspección pesqueira, que “dependendo do caladoiro e tipo de pesca recaerían na Consellería do Mar ou no Ministerio, polo que piden que se definan “dunha vez por todas e con claridade as funcións da Policía Portuaria, que en numerosas ocasións ten que asumir tarefas que lles son encomendadas polos seus superiores e que non figuran entre as súas competencias”.
Así, o colectivo atópase “moi molesto” co organismo público ante a “indefensión e a falta de apoio” mostrada pola Autoridade Portuaria.
Está previsto que a vindeira semana teña lugar unha reunión entre o comité de empresa, a dirección da Autoridade Portuaria e os artífices dos procedementos de calidade. Posteriormente, o comité de empresa convocará unha asemblea informativa na que “se adoptarán as medidas oportunas”.