O concelleiro electo da formación nacionalista, Xabier P. Igrexas, rexeita «asumir con resignación» o feche de Vulcano como algo inevitábel e demandou unha actuación decidida por parte da Xunta de Galiza. «Non podemos asumir como único escenario a desaparición deste estaleiro emblemático da cidade e da Ría de Vigo», afirmou.
O edil nacionalista xulgou como «indecentes» as declaracións realizadas días atrás polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, asegurando que a «Xunta ten feito todo o posible por Vulcano». En troca, Igrexas, volveu denunciar a responsabilidade da Xunta de Galiza nesta situación «pola súa deliberada inacción en materia de política industrial».
Para reaccionar, o Bloque demanda que se reactive a Mesa da Contratación do Sector Naval, na actualidade paralizada, para dinamizar e facer viable a actividade do sector da construción naval que é «estratéxica para a cidade de Vigo e para o conxunto da nosa ría». A este respecto Igrexas pide unha «implicación real» do executivo galego para procurar novas encomendas que garantan a continuidade da actividade.
Ademais, volven insistir na posta en marcha dun centro de reparacións navais na Ría de Vigo, que a nosa cidade «pola súas condicións técnicas, pola súa capacidade produtiva e polas súas instalacións podería albergar». Desta maneira faríase fronte a unha eventual caída das encomendas de nova construción e garantir unha «actividade máis continuada» nas gradas viguesas.
Intervención pública
Igrexas amosou a súa coincidencia coa diagnose expresada pola Xunta a respecto de que o principal problema do estaleiro é a súa propiedade e a súa dirección privada que se ten demostrado «incapaz de poñer en marcha as enormes potencialidades que ten Vulcano, que atesoura unha experiencia dilatada e unha máis que acreditada capacidade técnica».
Así, urxiu a que o Goberno galego exerza dunha vez as súas competencias para garantir a continuidade de Vulcano. «Diante da incapacidade do capital privado para reactivar este estaleiro o BNG chamamos a unha intervención pública directa que se poida chegar a traducir en dotar a Ría de Vigo dun estaleiro de propiedade pública ou semipública, como xa existen noutras rías galegas e noutras áreas do Estado», demandou.
«O futuro de Vulcano pasa por unha emenda á totalidade da inexistente política industrial da Xunta do PP, para poñerse a serio a pular por unha actividade que é estratéxica para o noso País e que pode e debe xerar un importante número de postos de traballo na nosa cidade», concluíu o concelleiro do Bloque.