Do mesmo xeito, Francisco Conde abordou na reunión co presidente, José Luis Freire, e membros da Xunta Directiva da asociación os principais retos e obxectivos da próxima feira Conxemar, que se celebrará os vindeiros días 4, 5 e 6 de outubro, e que contará con 530 expositores dun total de 36 países.
Tal e como manifestou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria na xuntanza, este encontro é o mellor escaparate da industria galega dos produtos do mar, unha cita de referencia internacional que serve para presentar cara ao mundo as novidades e os novos productos que se están a desenvolver.
Círculo de Empresarios de Galicia
Tras a xuntanza, Conde mantivo un encontro con membros do Círculo de Empresarios de Galicia, cos que avaliou a implantación da Industria 4.0 en Galicia. “Ese é o noso maior reto industrial: debemos camiñar cara á fábrica intelixente se queremos seguir competindo con Europa”, defendeu o conselleiro, que lembrou a aposta da Xunta por acompañar ao tecido empresarial nese camiño, a través da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0.
Conde destacou o esforzo que as empresas galegas xa están a facer con esa meta, en eidos como a automoción, despois de que Balaídos e a industria de compoñentes avanzasen investimentos de 1.800 millóns de euros ata 2020 para mellorar os seus procesos produtivos. “Balaídos xa se está asomando ao que será un dos cambios máis importantes que a factoría ten abordado nas últimas décadas, e quero aproveitar para desexarlle ao novo director da planta, que xogará un papel clave neste proceso, todos os éxitos nese camiño”, dixo Conde.
Xunto á automoción, apuntou o conselleiro, Vigo camiña tamén cara o chamado Estaleiro 4.0, consciente de que necesita incorporar en maior volume tecnoloxías como o Big Data ou a virtualización “se queremos seguir sendo competitivos no nicho de mercado no que mellor nos movemos, os dos buques de alto valor engadido”.