O alcalde revelou este luns unha conversa mantida co presidente de ADIF, Juan Bravo, para a cesión da antiga vía do tren, os catro quilómetros que van desde a entrada a Vigo en Teis ata Urzáiz. Segundo explicou, o último Consello de Administración da entidade -celebrado en decembro- aprobou a desafección dos terreos, o primeiro paso para a futura senda verde viguesa.
Engadiu Caballero que neste momento se está procedendo ao levantamento dos carrís ferroviarios e que ADIF está a preparar o borrador do convenio a rubricar co Concello para a cesión dos terreos. O Administrador prevé levar o texto ao Consello de Administración que se celebrará o 22 ou 23 de xaneiro.
O alcalde de Vigo quixo trasladar o seu recoñecemento a ADIF e ao seu presidente. Caballero definiu de «fantástica» a relación do Concello co Administración de Infraestruturas Ferroviarias para a construción da estación de Thom Mayne en Urzáiz e, no tocante á vía verde, está «encantado» porque leva un camiño «espléndido». Apuntou Caballero que remitirá unha carta ao ministro de Fomento recoñeciendo «dilixencia» na cesión.
«Poñémonos mans a obra, de forma inmediata», afirmou Caballero sobre o deseño da futura vía verde de catro quilómetros. Esta mesma mañá o alcalde e o segundo tenente de alcalde e concelleiro de Fomento, David Regades, mantiveron unha reunión sobre este asunto. Caballero avanzou que o corredor verde será peonil e de transporte «brando» tipo bicicletas, sen desbotar algunhas zonas máis amplas de esparcemento ou pequenas instalacións deportivas.