Máis polo miúdo, a presidenta recordou que este venres, as 10.30 horas, despregarase na sede de Vigo unha pancarta animando á participación na folga feminista de 24 horas. “Aínda hai sindicatos que seguen sen indicar que falamos dunha folga de 24 horas de mulleres, non dunha folga xeral, e que os homes se teñen que quedar ao cargo dos coidados”, destacou Silva.
A presidenta informou que “tanto eu como as mulleres deste goberno e do gabinete participaremos na folga. Ese día leremos ás 11.00 un manifesto na escalinata do Pazo para poder participar, a continuación, nas mobilizacións previstas”. Tamén aproveitou Silva para animar ás traballadoras da Deputación a sumarse á folga.
Este ano, no marco da programación con motivo do 8 de marzo e como novidade, impulsaranse tres “grandes eventos de Igualdade, moi impactantes, que serán os actos centrais da programación: ‘Ramonas on Tour’ e as xornadas ‘Muller e poder’ e ‘As mulleres crean’.
Sobre ‘Ramonas on Tour’, Carmela Silva adiantou que se desenvolverá o 15 de marzo en Vigo e o 22 de marzo en Pontevedra pero que “estenderemos por toda a provincia ao longo do ano. Trátase dunha actividade potentísima, musical, didáctica e social co fin de sensibilizar e por en valor o protagonismo da muller no avance das sociedades”.
En concreto, a presidenta asegurou que se trata dunha xornada de actividades durante a cal se desenvolverán dúas actuacións musicais (para o público infantil pola mañá e para o público xeral pola noite), obradoiros infantís, unha exposición e charlas e conferencias.
Pola súa banda as xornadas ‘Muller e poder’ e ‘As mulleres crean’ terán lugar na sede da Escola de Igualdade María Vinyals, no Castelo de Soutomaior. A primeira delas o 3 de abril e traerá ata Soutomaior a mulleres de ámbitos como a ciencia, tecnoloxía, a cultura, a empresa, o deporte, medios de comunicación e política que aportarán as súas experiencias. En canto a “As mulleres crean”, terá lugar en maio e trátase dunha xornada na que se afondará no papel da muller no eido da literatura, cultura e arte. Para elo a Deputación contará coa presenza de escritoras galegas que lerán parte das súas obras, música con grupos femininos, performance en directo e cunha artista relacionada coa arte urbana que realizará un grande mural en directo.
Ademais, este venres en Cangas e o 21 de marzo en Vigo terán lugar as inauguracións da exposición ‘Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar’ que contará con novos materiais. O 7 de marzo a programación da Deputación de Pontevedra continuará coa inauguración na Guarda da exposición ‘Rompe. Xoga en igualdade’.