Segundo indica o expediente, o Concello considera que existen razóns de interese xeral para solicitar esa incorporación porque concorren os supostos legais para pedilo e presta conformidade ao estudo presentado pola propiedade, documento que a administración presidida por Abel Caballero remite á Xunta de Galicia para que emita os seus informes.
O ámbito de Cruceiro prevé que a propiedade ceda ao Concello o mesmo ancho do bulevar de Coia, 30 metros desde a avenida, para darlle continuidade ao proxecto de carril bici e paseo ata Samil. Esta é a primeira razón de “interese xeral” recollida no expediente municipal que avala a solicitude. En dirección ás praias, a parcela ábrese á man dereita da avenida de Europa, desde a rotonda á altura da VG-20 ata o cruce co camiño Freixeiro e rúa San Paio.
O segundo argumento que esgrime o Concello para considerar o interese xeral é que o ámbito contempla actividade económica de uso terciario, que promove o emprego. O seu desenvolvemento suporía habilitar máis de 40.000 metros cadrados de solo para uso comercial.
O donos dalgunhas parcelas estaban mostrando a súa oposición ao proxecto pero o alcalde xa advertira hai semanas que a construción sairía adiante igualmente.