O Concello de Vigo inaugurou este martes unha nova fase da humanización da avenida de Gregorio Espino, un acto que estivo presidido polo alcalde, Abel Caballero, que anunciou que esta actuación continuará en fases sucesivas ata completar toda a rúa. Ata o momento, o Concello leva investido 2,3 millóns na reforma.
A terceira fase desta mellora tivo un orzamento de 1,4 millóns de euros e interveu desde a rotonda da Travesía de Vigo ata o cruce con Urzaiz e no treito comprendido entre a rúa San Roque e as rúas Aguia e Reiseñor.
Nesta nova humanización, o Concello renovou a pavimentación, con beirarrúas de granito, e as redes de saneamento e abastecemento, ademais de mellorar as de alumeado, a semafórica e instalar unha nova rede de rego por goteo. Abel Caballero puxo en valor os 140 metros cadrados de nova superficie axardinada neste tramo.