O obxectivo é facer partícipe aos propios vigueses dun máis fondo coñecemento do seu patrimonio cultural. A programación inclúe así nove andainas guiadas e de balde pensadas para os vigueses aínda que abertas a toda a sociedade, especialmente ás asociacións, colectivos sociais e centros educativos. Xiran entorno ás orixes de Vigo, os homes e mulleres que fixeron onte o Vigo que é hoxe, os espazos a través dos que entender a identidade viguesa ou os eixos do seu crecemento económico.
Así, a ruta dos Miradoiros de Vigo permitirá, cos montes do Castro e a Guía como protagonistas, observar a ría e coñecer os seus segredos; o Vigo Castrexo ofrecerá a posibilidade de viaxar no tempo ás máis antigas orixes da cidade; o Vigo Romano afondará nos xacementos romanos máis importantes da área nunha visita ao Museo da Sal e a Vila Romana de Toralla; mentres que os Nomes de Vigo ilustrará sobre os grandes benfeitores da cidade a través dunha guía moi especial caracterizada de Irene Ceballos, ilustre veciña viguesa á que débelle o seu nome o Instituto Santa Irene; e a ruta do Pazo de Quiñones de León, na que será a propia Marquesa de Valladares quen guíe a visita a unha das pinacotecas máis interesantes de Galicia.
Iniciativas todas elas que inclúen transporte en autobús ou en catamarán, como o que é necesario para participar en Coñece o teu Porto, unha excursión que amosará desde o mar toda a actividade pesqueira e industrial. A intención é repetir experiencia en 2020 e sumar novos percorridos que incluirían as Illas Cíes como destino Startlight.
Deste modo, máis de 3.000 persoas poderán gozar dun programa de visitas que se estenderá ata finais de decembro, de balde e que xa está a disposición dos cidadáns na páxina web de turismo.gal.