O goberno de Vigo dedica 1.640.000 euros a esta convocatoria extraordinaria, cantidade á que se suman os 850.000 euros que reservan as contas municipais para axudas de emerxencia. Así, o Concello adica este 2018 máis de 2,5 millóns de euros para pagos de aluguer e hipoteca, enerxía e alimentos ás familias que o precisan.
O alcalde deu as cifras das axudas concedidas na convocatoria do ano pasado, un total de 1.947 para alimentación, 1.898 para subministros enerxéticos e outras 1.454 axudas para pagos da vivenda. Para este ano, os interesados poden formalizar a súa solicitude no rexistro do Concello ou en calquera outro habilitado, como pode ser o da Xunta de Galicia ou Correos.
A web do Concello –vigo.org– recolle as bases, o extracto da convocatoria, o impreso de solicitude e a petición de cita previa. O Concello volve atender aos demandantes con cita previa, de luns a venres, «para evitar colas», pois o ano pasado se rexistraron sobre 3.000 requerimentos.
Os requisitos para optar ás Axudas Extraordinarias para familias pasan por estar empadroado en Vigo desde hai alomentos tres anos e o cumprimento dos termos socioeconómicos establecidos nas bases. O alcalde avanzou que o goberno que encabeza resolverá o procedemento en tres meses desde o peche do prazo de solicitudes, co que estimou que no verán se estarán abonando as axudas extraordinarias.