O rexedor avanzoulle este xoves ao reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que o próximo martes 25 de abril, ás 19,00 h, se celebrará o pleno de Zona Franca que permitirá aprobar os convenios coa Xunta e coa Universidade para dar luz verde ao Campus do Mar. Tal e como explicou, o alcalde da por rematado o prazo «razoable» que lle deu á Xunta esixíndolle no nome da cidade a cesión directa deses edificios que ten na ETEA e polos que a Zona Franca «lle vai agasallar con 5,5 millóns de euros».
O rexedor reiterou a súa vontade de cooperar coa Universidade «de xeito permanente e constante» pero advertiu de que esta falta de implicación da Xunta pasará a formar parte da débeda histórica da Xunta con Vigo. Na mesma liña, lembrou os 3,5 millóns que o Concello se viu obrigado a investir na expropiación dos terreos nos que se ía construír a Cidade da Xustiza e que, finalmente, no serán usados con tal fin, segundo decisión da propia administración autonómica. Trátase, dixo, doutra «chantaxe a esta cidade».
Respecto dos investimentos na ETEA, Caballero contrapuxo os «0 euros» que inviste a Xunta coas obras que desenvolveu o Concello: remodelación do pavillón deportivo, posta en marcha inmediata doutra parte deste pavillón, construción dun campo de fútbol, mantemento de viais, acceso desde a ETA á praia da Punta, paseo peonil ou adecuación da praia urbana.
Cooperación
Na mesma comparecencia, o alcalde avanzou que nas próximas semanas será efectiva a volta do reitorado á cidade, ao edificio municipal do Areal, onde ademais a Universidade contará cun aula para maiores. Tamén reiterou a cooperación municipal coa exposición do Pergamino Vindel así como a posta en marcha do estudo do mecanismo que permitirá ao goberno local adicar medio millón de euros a bolsas de comedor e de inglés dos alumnos universitarios.