Este é o último paso previo á aprobación definitiva do proxecto polo Consello da Xunta, que suporá a aprobación urbanística necesaria para o inicio das obras do Centro Vialia e a licitación da nova estación de autobuses intermodal, prevista para este mesmo ano.
Nunha xuntanza celebrada este venres, a CSU coñeceu o informe emitido sobre o proxecto pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, no cal se propuña informar favorablemente sobre o mesmo con suxeición ás condicións indicadas no informe sectorial requirido a Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento.
Este proxecto de integración estase a tramitar ao abeiro da Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese que aprobou a Xunta para concellos sen un Plan Xeral adaptado ou anulado -como é o caso de Vigo-, coa fin de ofrecer a máxima seguridade xurídica a iniciativas que, pola súa importancia económica e social, non podían esperar á tramitación dun novo planeamento.
A aplicación desa lei xa permitiu desbloquear proxectos do máximo interese para a cidade de Vigo, dando cobertura á necesidade de resposta urxente na ampliación das instalacións de Citroën ou na do recinto feiral do Ifevi.
Unha vez cumpridos estes trámites, o expediente completo do proxecto integrado polo Centro Vialia, a estación ferroviaria e a terminal de autobuses será remitido á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para que continúe coa súa tramitación e o eleve ao Consello da Xunta para a súa aprobación definitiva.
Unha vez dado ese paso, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitará as obras da estación de autobuses por aproximadamente 15,8 millóns de euros, importe que inclúe a achega autonómica para cofinanciar os accesos.