Esta actuación mellorará a conectividade e os accesos peonís coa Avenida Ricardo Mella e os traballos iniciaranse a principios do ano que ven, para ter a senda rematada antes do verán, ao contar cun prazo de execución de 3 meses.
Esta senda, que terá unha lonxitude de case 1,5 quilómetros, executarase nunha marxe da estrada autonómica PO-325, unindo o tramo comprendido entre a glorieta de intersección da VG-20, a circunvalación de Vigo, ata o cruce coa rúa Muíños, estrada que comunica con Samil, uníndose aí co carril bici xa existente na zona de Coruxo e que chega ata Baiona.
Esta infraestrutura facilitará os desprazamentos cotiás de peóns e ciclistas que transitarán dun xeito máis cómodo e seguro. Así mesmo, acadarase unha mobilidade sostible e incidirase positivamente no reforzo da seguridade viaria.
Este itinerario peonil e ciclista de Navia está incluído no Plan de Sendas de Galicia, que prevé a construción dunha rede de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe. Nesta mesma estrada, o Plan contempla a execución doutra senda no concello de Nigrán, unha actuación que xa se adxudicou e que se iniciará en próximas datas.
Na comarca de Vigo, o Plan de Sendas tradúcese na execución de 9 novos itinerarios que comprenden 12,5 quilómetros de sendas e supoñen un investimento de case 5 millóns de euros.