O perfil dos visitantes é de españois, con idades comprendidas entre os 35 e 60 anos, que se decantan por un turismo en familia, chegan ata a nosa provincia en coche e amosan o seu interese nos aspectos culturais da provincia de Pontevedra.
Para acollelos, Turismo Rías Baixas ten posúe as oficinas de información turística de Pontevedra (Palacete das Mendoza), do Aeroporto de Vigo e do Mosteiro da Armenteira, que estarán abertas durante toda a Semana Santa en amplos horarios. Nelas, tal e como manifestou a presidenta da Deputación provincial, Carmela Silva, “estamos a detectar un incremento do número de visitantes no primeiro trimestre do ano e con respecto ó ano anterior”. A do aeroporto de Vigo, cun aumento do 13%, é a que suma o maior incremento de tráfico de visitantes.
Co obxectivo de incrementar o número de turistas, a Deputación de Pontevedra realizou durante estes tres primeiros meses do ano un traballo previo de captación de turistas, promovendo e potenciando actividades para fomentar e desenvolver o turismo na provincia e mellorar a imaxe turística do destino.
As actuacións iniciáronse en Fitur, coa presentación da ruta arquitectónica para descubrir as Rías Baixas que conseguiu bater rexistros nas redes sociais, acadando máis de 160.000 visualizacións en Facebook, e continuou no Espazo Atlántico de Pepe Solla en Madrid, coa presentación da campaña 62 razóns para visitar Rías Baixas, con case 85.000 usuarios alcanzados en redes sociais e publicacións en webs como guiamaximin.com, delascosasdelcomer.com ou restauranthotelbar.com.
Amais, realizouse un investimento de 60.000 euros en campañas en revistas e webs especializadas como Conde Nast Traveller, Destinia.com, Exclusive Magazine, Guía del Ocio, Minube, On Magazine, Hola Viaxes, National Geographic, Rumbo…”
Por outra banda, Carmela Silva informou que a través da páxina web da Deputación de Pontevedra ofreceranse contidos específicos con “dez propostas para unha Semana Santa diferente”. Estas propostas incluirán información sobre Semana Santa de Interese turístico na provincia, festas de interese turístico, percorridos por espazos históricos e relixiosos, polos xacementos da provincia e visitas ó Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, entre outras.