A festa comezará na tarde do próximo venres, 9 de febreiro, con animación de rúa en Príncipe e Porta do Sol antes da entronización do Meco ás 20.00 horas e o mencionado concerto-pregón.
Para o sábado 10 tamén se programa animación de rúa en Príncipe e Porta do Sol desde as 17.00 ás 18.00 horas, precisamente cando arrancará desde o nó de Isaac Peral o desfile-concurso de comparsas e carrozas, que percorrerá García Barbón e Policarpo Sanz para finalizar na Porta do Sol. A medianoite, na Porta do Sol, actuará a Orquestra Israel.
Na mañá do domingo 11 se celebrará unha carreira popular, con modalidades infantil, adulto e veterano, desde a Porta do Sol. Os máis pequenos correrán por Príncipe e os maiores completarán o percorrido por Elduayen, Paseo de Alfonso XII, rúa Pi y Margall, rúa López de Mora, Avenida das Camelias, rúa Romil, rúa Cachamuíña, Ronda de Don Bosco, rúa Progreso, rúa Doutor Cadaval e final novamente en Porta do Sol.
Xa pola tarde haberá un contacontos para os nenos na Porta do Sol ás 17.00 horas, compaxinado coa animación de rúa neste entorno ata as 19.00 horas e unha chocolatada infantil ás 18.00 horas na Porta do Sol.
Concursos de disfraces
Para o luns 12 está previsto, xunto á animación de rúa pola tarde no centro, o Entroido Infantil no Concello de Vigo, con obradoiros e a actuación de Lolo Globotolo desde as 17.00 horas e o concurso de disfraces para os menores de 13 anos, con inscrición na propia lonxa do Concello desde as 17.00 horas e inicio do concurso ás 18.00 horas.
O concurso de disfraces para maiores de 14 anos será na tarde do martes 13, xunto a obradoiros infantís e a actuación clown de Bambolina na lonxa do Concello. Na mesma xornada repetirá novamente a animación de rúa de tarde e tamén de noite, no acompañamento ás 22:30 horas da queima do Meco na Porta do Sol, que será ás 23.00 horas. Na noite do martes, verbena da Orquestra Compostela con dous pases na Porta do Sol.
A programación municipal do Entroido conclúe o mércores 14 de febreiro na Porta do Sol. Desde as 18.00 horas terá lugar as tradicionais exequias funerarias solemnes das comparsas, o acompañamento da comitiva, o sepelio do meco e os oficios laicos, xunto á resolución do concurso de comparsas.