A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao expediente de contratación por procedemento aberto do subministro de bancos por un importe de 165.000 euros nos próximos catro anos, nos que se instalarán arredor de 1.000 novas unidades na cidade. Amais, quedou aprobado o expediente de contratación do subministro de árbores, arbustos e planta de temporada cun investimento de 130.000 euros para o período 2017-2020.
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou este xoves o expediente de contratación por procedemento aberto das obras de acondicionamento e mellora da Escola de Música de Beade e da súa contorna, que teñen un importe máximo de 463.000 euros entre os anos 2017 e 2018. «Imos ampliala e vai quedar de cine», apuntou Abel Caballero, que indicou que o prazo estimado das obras é de cinco meses nos que se actuará no interior e exterior da infraestrutura.
Amais, o alcalde deu conta das melloras que se van realizar no Instituto de Educación Secundaria de Beade, cunha renovación importante de toda a rede de saneamento na súa contorna para mellorar o seu funcionamento e, ao mesmo tempo, o Concello acometerá obras nos vestiarios do pavillón deportivo do centro, que se atopan en mal estado.