O grupo municipal da Marea de Vigo emprazou este mércores ao Goberno local a negociar coa Sociedad de Gestión de Activos procedentes de la Reestructuración Bancaria (Sareb) a cesión de uso dos 155 pisos embargados na rúa Aragón a un promotor inmobiliario tras unha resolución xudicial.
A formación efectuou esta proposta despois de que outras cidades de España como Burgos ou Zaragoza emprenderán ese camiño para dedicar as vivendas a uso social, sobre todo en casos de emerxencia “ante o repunte brutal dos desafiuzamentos na cidade”.
Para o voceiro do partido, Rubén Pérez, resulta “inescusable” que non se tomen máis medidas para paliar unha situación de “cronificación” dos desaloxos en Vigo, con “máis de 600 casos ao ano e un aumento anual dun 40%”. “Se ben é certo que as competencias en materia de vivenda son maioritariamente asumidas polas administracións autonómicas, as competencias municipais en materia de cobertura social inclúen políticas de vivenda, polo que non existe argumento sólido para non actuar dende a administración local”, engade Pérez.
Por iso, tendo coñecemento o grupo municipal da Marea de Vigo que están xa nas mans do chamado ‘banco malo’ estas 155 vivendas da rúa Aragón, nunha zona próxima ao Centro Comercial Travesía, “volvemos a reiterar que o Concello ten que dirixirse á entidade para negociar cando menos o dereito de uso de varios inmobles”.
Deste xeito, a formación busca “paliar” o “erro” de vender as vivendas municipais de Rosalía de Castro e solucionar a inexistencia de parque de vivenda público de emerxencia na cidade, “responsabilidade que non asumen nin Xunta de Galicia nin Concello de Vigo”.
Neste senso, Marea de Vigo segue a defender, tal e como foi formulado mediante moción ao Pleno, que é necesaria a creación dun Parque Municipal de Vivenda, que, ademais de dispor de vivendas de propiedade local, contaría con aquelas que puidesen ser cedidas a súa titularidade ou uso por entidades bancarias, Sareb ou outros organismos públicos mediante convenio, tal e como sería neste caso.